manchea (así, con minúscula) é un taller de artes gráficas creado arredor da impresión con tipos móbiles. Gran parte do taller está dedicado a prensas e material de imprenta tradicional e gravado, pero tamén empregamos e traballamos outros procedementos como a risografía, a serigrafía ou a cianotipia.
Entre os principios que guían o proxecto están:
Sustentabilidade: que se traduce en apostar por, na medida do posible, traballar coa comunidade que nos rodea e por empregar materiais da zona, respectuosos coa contorna ou recuperados e reutilizados.
Colaboración: tivemos e temos a sorte de poder traballar con numerosas persoas e colectivos, dando forma ás ideas a través dun traballo conxunto.
Experimentación: xogar cos materiais e os procedementos, combinalos, darlle voltas e buscar solucións imaxinativas.
DIY: gústanos coñecer os procesos que hai detrás do que facemos e tentamos dominar e facer todas as fases posibles dun proxecto no propio taller. Por isto, á parte das artes gráficas, dedicamos parte do noso tempo e do noso espazo ao traballo doutros materiais, como o metal ou a madeira.
Ademais, na actualidade parte do que facemos encáuzase a través de a·lenta, o proxecto editorial de manchea. Tras varias publicacións baixo outras denominacións ou como parte de proxectos conxuntos con outros colectivos, a·lenta editora naceu como tal en 2019 para publicar aquelas obras que nos motivan e facelo creando un obxecto que xs lectorxs poidan apreciar. Tanto o deseño como a parte física do produto –impresión, encadernación– fanse no noso taller.
Estamos no barrio de Monte Alto, na Coruña. Se queres visitarnos, ou facer calquera consulta, podes escribirnos a ola@manchea.gal.